O equipo de “Gonza” perdeu en Santa Mariña malia xerar máis ocasións que o Arzúa. Na Primeira Galicia gañou o Arcade ante o Santa Mariña e tamén sumaron importantes vitorias Cesantes e Atl. Vilar na Segunda Galicia. En fútbol sala, empate do Pazos ante o Baíña, na Terceira División, e liderato para o Redondela Maramar na Preferente. No balonmán perderon a SAR de Honra Prata Feminina e o Rodosa Chapela, mentres que a SAR de Autonómica é líder logo de gañar no Porriño.
Terceira División
Choco 1-2 Baíña
O equipo redondelán perdeu ante un Arzúa que chegou a Santa Mariña cunh fútbol práctico e efectivo. Apostou por unha férrea defensa e aproveitou as ocasións a balón parado e as xogadas a contra golpe. O cadro que dirixe Gonza Fernández non foi quen de superar o muro defensivo do Arzúa, que se puxo por diante cun gol Fernando Zanón nos primeiros minutos de xogo. Os redondeláns igualaron cun remate de Aitor Cañedo á saída dun córner. Pero, xa na segunda parte, cando máis presionaban, o pichichi Iker Furtado culminou unha contra para anotar o seu noveno gol da tempada que se traducía no 1-2 no marcador. O Choco tentouno nos compases finais e Comis puido igualar o encontro, pero o disparo marchouse alto. Terceira derrota consecutiva para o Choco, que na próxima xornada visita o campo do Paiosaco, cos anfitrións na metade baixa da táboa.
Choco: Cortegoso; Mario, Yago Vázquez (Alberto Suárez, min. 62), Vitra, Aitor Cañedo (Comis, min. 70); Caloi, Sergio Santos; Yerai Couñago, Tomás Abelleira, Félix; e Adrián Rodríguez (Martín, min. 78).
Arzúa: Israel; Isra, Edgar, Fernando Zanon, Álex Vázquez; Marcos García; Willian (Álex Pérez, min. 71), Álex Ramos (Diego, min. 89), Diego Enjamio, Álvaro (Brais, min. 88); e Iker Furtado.
Goles: 0-1, min. 8: Fernando Zanón; 1-1, min. 35: Aitor Cañedo; 1-2, min. 49: Iker Furtado.
Primeira Galega
Arcade 1-0 Santa Mariña
Un gol de Nico mediada a segunda metade foi suficiente para deixar os tres puntos en Soutomaior, o que fai escalar posicións ao Arcade ata o 10º posto. Na próxima xornada visitan o campo da Guía, un dos equipos fortes do grupo, no 3º posto da táboa.
Segunda Galega
Xil 1-2 Cesantes
O Cesantes tirou proveito da visita ao campo do Xil, cos anfitrións afundidos na táboa. Os redondeláns amplían a distancia cos equipos da parte baixa, e o domingo reciben ao Marín, 5º do grupo.
Atl. Vilar 3-1 Tebra
O Vilar escala ata o 8º posto da táboa logo da vitoria ante o pechacancelas do grupo. O domingo visitarán o campo do Gondomar, 11º clasificado.
Terceira Galicia
Chapela 3-0 Nespereira
Vitoria do Chapela no derbi comarcal disputado no campo de Parada, resultado que mantén ao Nespereira como pechacancelas e único equipo do grupo que aínda non sumou ningún punto. Na próxima xornada o Chapela, que agora é 5º, visita o campo do Lavadores, 2º do grupo, mentres que o Nespereira recibe ao Teis.
Fútbol Sala Terceira División
Baíña 2-2 Pazos de Borbén
Empate para os de Fran Amoedo na súa visita ao Baíña F.S. con goles de Luis e Simón. Un punto que sabe a pouco tras as numerosas ocasións erradas do equipo de Pazos. Na próxima xornada reciben no pavillón de Pazos ao C.D. Lugo Sala, 5º clasificaco.
Preferente Sur
Redondela Maramar 7-1 Quinta Tui
Os de Kiko Davila mantéñense como líderes do grupo logo dunha vitoria por goleada ante a Quinta de Tui, nun encontro que dominaron desde o comezo ata o final.Na próxima xornada visitarán o pavillón do Valadadares Global Mar.
Balona Linense 2-1 Campito
Derrota do Campito nun partido moi disputado, que deixa aos de Chapela no 10º posto da táboa. Na próxima xornada o Campito recibe en Chapela a As Neves, equipo de gran nivel que está no máis alto da táboa, compartindo liderado co Redondela.
Primeira Galicia
Pecheches 4-9 Arealonga Const.Castro
O Arealonga lidera a liga en solitario logo de impoñerse ao Pecheches cunha goleada a domicilio. Na próxima xoranda reciben en Chapela ao Tui Futsal, equipo situado no pozo da táboa.
Primeira Galicia Feminina
Campito Chapela 2-4 Fisgón Futsal B
Na próxima xornada o Campito xoga no pavillón do Tui Valença Futsal
Club Cíos Vigo Mondariz 5-4 Arealonga Const. Castro
Na próxima xornada o Arealonga reciben en Chapela ao Vigo 2015.
Balonmán
División de Honra Prata Feminina
SAR Rodavigo 22-23 Lavadores
Encontro moi igualado o do derbi comarcal disputado en Redondela e que se resolveu nos últimos minutos. As xogadoras de Elisardo Covelo “Chini” foron por diante cunha escasa marxe ata o descanso. Logo as viguesas déronlle a volta ao marcador e impuxéronse cun axustado 22-23 final. Na próxima xornada repiten como anfitrioas, reciben ao Xixón, situado tamén na parte baixa da táboa.
Primeira Nacional
Lalinense 27-22 Rodosa Chapela
As pingueiras do Arena obrigaron a trasladar o partido ao vello pavillón municipal, no que se viviu un duelo bronco por momentos. Tras un arranque equilibrado entre dous conxuntos, a intensidade defensiva dos locais subiu até deixaro ao Chapela sen opcións, con protagonismo tamén do porteiro Ivi, que fixo un gran encontro para o líder do grupo. O Rodosa Chapela, que agora é 7º, recibe na próxima xornada ao Xiria, outro dos aspirantes ao título.
Primeira Autonómica
Porriño 17-26 SAR Plastic Omnium
A SAR lidera o grupo logo dunha cómoda vitoria no Porriño. Na próxima xornada reciben ao Lavadores, que aínda non sumou ningún punto nestas dúas primeiras xornadas.