Pais e nais do colexio Igrexa en Chapela xunto co alumando do centro realizaron esta mañá unha pequena marcha para denunciar o mal estado do camiño que diariamente teñen que percorrer moitos dos rapaces que acoden a este colexio “unha vía estreita, sen beirarrúas e especialmente perigosa”. Reclaman tamén que se instale canto antes o sistema de calefacción no centro.
Unha protesta que consistiu en salvar a pé a distancia que separa a Avenida de Redondela do colexio e que diariamente percorren ducias de nenos e nenas para acudir a clase. Un camiño estreito, sen beirarrúas, cheo de fochancas e especialmente perigoso cando coinciden os coches particulares e os autobuses. Por este motivo reclaman que canto antes se inicien os traballos para acondicionar o camiño da Buraca. Son conscientes de que esa ampliación e arranxo é un proceso longo, motivo polo que reclaman que, como solución provisional e inmediata, se habilite unha parada do autobús escolar na Avenida de Redondela, para que os nenos que veñen desa zona poidan subir en autobús ata o colexio “evitándolles así que teñan que facer a pé un camiño moi perigoso polo tráfico e a ausencia de beirarrúas”.
Unha protesta que serviu tamén para reivindicar o arranxo doutras deficiencias, como o feito de que dous meses despois de iniciar o curso, e cando estamos en pleno inverno, segan sen contar con calefacción. Así o explica a presidenta da Anpa, Lorena Santervás, quen engade que segundo lle trasladaron dende o Concello a obra xa foi aprobada pero que polo de agora a empresa non iniciou os traballos e descoñecen cando se vai facer a obra “moito nos tememos que pasará o inverno e os nenos terán que seguir indo a clase sen calefacción”.