O goberno local comprometeuse a instalar, como solución provisional, radiadores eléctricos nas aulas do novo colexio Igrexa, á espera de que se realicen os traballos pendentes que permitan ao centro educativo contar con calefacción. Con esa reivindicación un numeroso grupo de pais e nais protagonizaron o venres unha marcha protesta na que demandaron tamén que se acometa a ampliación e arranxo do camiño da Buraca, vial estreito e sen beirarrúas que os escolares empregan para acceder ao novo colexio.
A ANPA entende que esa ampliación do vial supón un proceso longo que se vai prolongar no tempo, polo que solicitan que se habilite unha parada de autobús na Avenida de Redondela que permita aos rapaces e rapazas usar o transporte escolar, na vez de ter que subir por un vila “sen beirarrúas e especialmente perigoso cando se cruzan coches particulares e autobuses”. Nese sentido a alcaldesa, Digna Rivas, reunirase este xoves co xefe territorial de Educación para coñecer se existe a posibilidade de atender as demandas dos pais en canto a ese transporte escolar.
En canto a calefacción, explican dende o goberno que o problema reside na falta de entendemento entre a empresa que realizou a obra no interior do inmoble e a concesionaria do gas natural, o que deixou sen conectar a acometida. Unha conexión que debería realizarse proximamente logo de que se comprometese a compañía de gas a realizar o enganche. Mentres, instalaranse radiadores eléctricos para garantir un mínimo de confort nas aulas.