O conxunto redondelán suma a súa segunda vitoria consecutiva. Na Primeira Galega gañou o Arcade no campo do Amanecer. No fútbol sala o Redondela Maramar fíxose co derbi local ante o Campito, e no balonmán gañaron a SAR Rodavigo ao Siero e o Rodosa Chapela na visita ao OAR Coruña.
Terceira División
Arenteiro 0-1 Choco
Despois dun inicio de idas e vidas cara as dúas porterías, os de Gonza marcaron o ritmo. No minuto 21 Félix e Yerai iniciarían unha perigosa contra que finalmente non puido ser rematada por Adri, quen esperaba o balón dentro da área. Logo sería Wadir quen o intentaría para os seus cun avance pola banda dereita ao que lle responderían os choqueiros cunha boa contra tamén proucto de Félix e Yerai que finalmente tira fóra. E precisamente sería este xogador quen marcaría o solitario gol do partido que ben valeu os tres puntos. Un balón prolongado por Adrián que pasa a Yerai e este nun
man a man con Rui introduce o coiro no fondo da rede. Co 0-1 no marcador, os do Arenteiro reaccionaron insistindo na portería de Cortegoso, pero ben polo acerto do gardameta redondelán ou pola falta de acerto dos xogadores ourensáns, o marcador non se moveu. Na seugnda metade o Arenteiro buscou o empate. No 48 un disparo lexano de Jony sería detido por Cortegoso. E no 57 sería Ricar o que o intentaría sen resultado. As derradeiras oportunidades chegarían a favor do CD Arenteiro en tempo de desconto e a balón parado, pero sen mover o marcador e finalmente os 3 puntos viaxaro a Redondela. O trounfo deixa ao Choco no 6º posto, e na próxima xornada reciben ao Alondras, 7º, a 5 puntos de distancia. Xogarase o 15 de decembro en Santa Mariña.
Primeira Galega
Amanecer 1-2 Arcade
O Arcade mantense na 6ª praza do grupo logo de impoñerse no campo do Amanecer. Na próxima xornada, o domingo día 8, recibe no Salgueirón ao Moraña, situado na metade baixa da táboa.
Segunda Galega
Portas 2-1 Cesantes
O Cesantes segue como pechacancelas do grupo logo de perder no campo dun dos seus rivais directos pola permanencia, o Portas. Na próxima xornada recibe ao San Adrián, que é 3º
Erizana 5-2 Atl Vilar
Os locais puxéronse por diante con 2-0, malia que o Vilar conseguiu empatar ao pouco tempo. Pero minutos despois Héctor volvía poñer por diante ao Erizana. X ana segunda metade completaron a goleada con dous tantos máis. A derrota fai descender un posto ao Vilar, que é 13º. Na próxima xornada reciben ao Salvaterra, 12º, a un punto de distancia.
Terceira Galicia
Chapela 1-1 S.Roque Casablanca
Un penalti nos últimos intres do partido serviu ao Chapela para sumar un punto ante outro dos equipos que pelexan polo ascenso. Os de Redondela seguen na pelexa, no 5º posto, e na próxima xornada visitan o campo do Peñasco, que é 6º.
Nespereira 4-0 Lavadores
O Nespereira conseguiu sumar os seus primeiros puntos desta temporada, e fíxoo con goleada sobre o Lavadores. A vitoria, con todo, non impide que continúe como pechacancelas. Na próxima xornada visitan o campo do Vincios, 13º.
Fútbol Sala
Terceira División
Carballiño 6-2 Pazos de Borbén F.S
O equipo de Fran Amoedo segue na parte baixa da táboa logo da derrota no Carballiño. O próximo sábado reciben en Pazos ao Sport Sala Culleredo, 4º clasificado.
Preferente Sur
Redondela Maramar 7-2 Campito
O Redondela Maramar fíxose co derbi local ante o Campito nun partido que comezpu moi igualado pero que acabou rachando o equipo local nos minutos finais. O Redondela agora é 4º, a un punto da fase de ascenso, e o Campito 11º. Na próxima xornada, o domingo, o Campito recibe en Chapela ao Quinta de Tui, co que está empatado a puntos, mentres que o Redondela Maramar xoga na pista do Teis, situado en postos de descenso.
Primeira Galicia
Arealonga Const.Castro 11-5 Abetos Gondomar B
O Arealonga, cada vez máis líder, sumou unha nova vitoria por goleada ante o Abetos Gondomar B. A próxima fin de semana teñen descanso, regresan á competición o día 14 no pavillón do Rosal ante o AEVM O Pirata, segundo clasificado, pero a 7 puntos de distancia.
Balonmán
División de Honra Prata Feminina
SAR Rodavigo 31-23 Siero
As de “Chini” venceron ao Siero con 10 goles de Sandra González. Unha vitoria importantísima ante un dos rivais directos pola permanencia que deixa á SAR no 10º posto. Na próxima xornada xogan en Canarias na pista do líder, o San José.
Primeira Nacional
OAR Coruña 23-36 Rodosa Chapela
O Rodosa Chapela imponse na Coruña e acumula a súa terceira victora consecutiva. Os homes de Fran Teixeira foron moi superiores e finiquitaron o partido xa na primeira metade, na que chegaron a estar dez tantos arriba. Na segunda metade, xa co partido decidido, seguiron aumentando a renda.
Na próxima xornada. Agora ocupan o 3º posto, a un punto do 2º e a 3 do líder, o Lanzarote. Na próxima xornada reciben ao Tejina, afundido na parte baixa da táboa
Primeira Autonómica
Culleredo 21-20 SAR
A SAR baixa ao segundo posto do grupo logo de perder nun partido moi igualado ante o Culleredo, equipo co que estaba empatado a puntos coa SAR no liderado da táboa. Na próxima xornada volve xogar fóra, en Vigo, na pista do Seis do Nadal, cos anfitrións na metade da táboa.