Logo de impoñerse na Coruña ao OAR (23-36) o equipo de Fran Teixera acumula a súa terceira victora consecutiva. A cabeza de liga está moi apertada, os de Chapela no 3º posto están a 1 punto do 2º, que é o Lalín, e a 3 do líder, o Lanzarote.
A liga neste grupo está a ser moi competitiva, e malia que o Chapela non entraba entre os favoritos nas quinielas, logo de 11 xornadas está a demostrar ser un dos equipos con mellor nivel de xogo. Do Rodosa Chapela destaca sobre todo a faceta goleadora, con 328 dianas anotadas, unha media de 29,82 por partido. Son o club máis efectivo de cara á portería rival, aínda que Teixeira lamenta que tamén encaixan bastantes goles “sobre todo nos últimos minutos dos partidos”, unha tendencia que tentan corrixir. O plantel sufriu importantes cambios con respecto ao bloque da pasada temporada, pero as novas incorporacións están a acoplarse satisfactoriamente. Agora o maior problema para o técnico son as lesións, que están a afectar ao rendemento do equipo. Confía en que os xogadores se vaian recuperando “para non cargar demasiado aos que están xogando actualmente”. Rodosa Chapela-Tenerife Tejina Na próxima xornada reciben ao Tenerife Tejina, cos canarios afundidos na parte baixa da táboa. Con todo, a súa situación clasificatoria non é significativa para Teixeira, quen advirte que son un rival con moita experiencia e que vén de perder varios partidos por unha escasa marxe de goles. O encontro dispútase o sábado, ás 18.30 horas no pavillón Manuel González Soto, en Chapela.