A comisión xestora designada pola Consellería do Mar logo da dimisión de máis da metade da xunta xeral anterior, acordou a convocatoria de eleccións para o vindeiro 25 de xaneiro. Nesa xornada os socios do pósito elixirán a súa nova xunta directiva e ao novo patrón maior, cargo que nos últimos anos recaeu na persoas de Clemente Bastos.
As persoas que sexan elixidas nesa votación serán as encargadas de tentar buscar unha solución á difícil situación económica que atravesa a confraría. De feito, foran precisamente as medidas de recortes (diminución de salarios ou despedimentos de traballadores) o que precipitara as dimisións de boa parte da anterior xunta ao non estar de acordo coas solucións propostas por Bastos.
A día de hoxe son xa tres as persoas que aspiran a facerse co cargo de patrón maior, malia que poderían sumarse novas candidaturas nos vindeiros días.