Hoxe é Martes 26 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PXOM acelera a súa tramitación

RR_Noticias

Concello e Xunta asinaron hoxe en Redondela un convenio polo que a Consellería de Medio Ambiente compromete unha achega de máis de 250.000 euros para a redacción do PXOM. A alcaldesa, Digna Rivas prefire non adiantar prazos en torno ao documento urbanístico “porque hai cuestións técnicas por resolver” pero en calquera caso confían en que en cuestión de poucos meses o plan xeral de ordenación municipal pase polo pleno para súa aprobación inicial. A continuación tería lugar a o período de exposición pública, dous meses nos que dende o concello realizarán charlas nas parroquias para “favorecer que os veciños coñezan o plan e resolvan dúbidas”.

A conselleira Ángeles Vázquez e a alcaldesa Digna Rivas asinaron hoxe un convenio de colaboración por valor de 253.746 euros en virtude do cal a Xunta achegará en cinco anualidades o 80% do orzamento base estimable para elaborar o documento. Dende o concello prefiren non dar prazos sobre a evolución dos trámites, malia que confían en que a súa aprobación inicial sexa “inminente”. Neste sentido apuntaba a edil de urbanismo, María Castro, que todo apunta a que esa aprobación será por unanimidade “xa que se trata dun documento que está en fase de elaboración dende hai anos e que é de carácter eminentemente técnico”. Unha vez aprobado polo pleno abrirase un prazo de exposición de dous meses no que se achegará toda a información ás parroquias e veciños co obxectivo de resolver dúbidas e superar a desconfianza e o malestar veciñal que se ten detectado nalgunha parroquia en gran medida “pola falta de información”, explica Rivas. O convenio asinado hoxe entre Xunta e Concello compromete o financiamento necesario para poder finalizar o plan iniciado no 2015 e garantir canto antes a súa aprobación inicial por parte do pleno municipal. Un convenio non exento de polémica logo de a Xunta advertira da posibilidade de que o concello perdese esta subvención pola negativa do goberno local a aceptar o borrador remitido dende a Consellería. A alcaldesa naquel momento argumentara que non se axustaba ao indicado polos servizos técnicos municipais.  Unha polémica que preferiron zanxar explicando que o importante é que “ao final se chegou a un entendemento e que o convenio é xa unha realidade”. Superado o período de información pública será aprobado provisionalmente, último paso antes de que a Xunta revise toda a documentación e, se está correcta, lle dea a aprobación definitiva ao PXOM para que todos os veciños e veciñas de Redondela poidan contar cun planeamento acorde á realidade vixente. As actuais Normas Subsidiarias de Planeamento (NSP) de Redondela, aprobadas no ano 1987, non se adaptan á nova Lei do Solo de Galicia, nin sequera ás normas urbanísticas de rango autonómico anteriores, polo que o planeamento xeral vixente neste concello pontevedrés está totalmente obsoleto.  

Ángeles Vázquez Conselleira
Explicaba o motivo do Convenio
Digna Rivas alcaldesa
Unha achega necesaria para avanzar no Plan Xeral
Informar polas parroquias
Favorecer que os veciños resolvan dúbidas
María Castro edil de urbanismo
Confía en que se aprobe pronto e por unanimidade no Pleno
Polémica
Conselleira e alcaldesa zanxan a polémica

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará