Os nacionalistas veñen de presentar unha alegación ante a Autoridade Portuaria de Vigo co fin de deter a proposta de Auxiliar Conservera, AUCOSA, para ampliar o seu proxecto industrial na beiramar do barrio de Cabanas na parroquia de Trasmañó. Segundo o BNG esta empresa presentou unha solicitude de concesión administrativa na zona de servizo do Porto de Vigo, na que se pretende a construción dunha nova factoría duns 1.500m2 para a elaboración de aceite para consumo humano, a partir de sobrantes do peixe.
“Na solicitude de renovación de concesión administrativa á Autoridade Portuaria, agóchase levantar unha factoría de 1.500m2 en terreos xa gañados ao mar” explica o voceiro do Bloque, Xoán Carlos González, “e sospeitamos que López Veiga permitirá esta nova agresión, para aumentar os ingresos disfrazando a súa mala xestión”.
Segundo o edil “volvemos atoparnos cunha industria altamente contaminante, que pretende ampliar a súa produción en plena Rede Natura”. Seguen defendendo os e as nacionalistas a PLISAN como o mellor espazo para a ubicación da empresa “por tratarse dunha actividade que nada te que ver coa tráfico marítimo, ademais de que pretendemos recuperar os terreos gañados ao mar hai xa décadas”.
Relata o edil do BNG que a presentación da alegación nace do estudio ao que someteron o Proxecto, que “unicamente se puido revisar na sede da Autoridade Portuaria, desvelando que o que se agocha é a construción dunha nova factoría que e engadiría ás que xa dispón a propia AUCOSA, neste emprazamento”.
Tamén se teñen dirixido por escrito dende o grupo municipal nacionalista, ao goberno redondelán para saber se presentaron algún tipo de alegación a este proxecto industrial na beiramar do Concello. “Hai xa varias semanas que solicitamos esta información ao equipo de Digna Rivas e aínda non recibimos ningún tipo de resposta”.
Nun encontro con veciños afectados da zoa de Rande e Cabanas, o BNG presentoulles esta e outras iniciativas para traballar na recuperación integral do Estreito de Rande, unha vez que o Porto de Vigo dispón de terreos industriais na PLISAN.