O que fora técnico ambiental do Concello de Redondela colaborou durante un mes coa Fundação Encontro para mellorar a xestión do lixo nas comunidades mozambiqueñas da man do Fondo Galego de Cooperación. O labor de Jesús Bravo centrouse en ofrecer charlas de concienciación sobre o mellor xeito de xestionar o lixo, evitando sobre todo os vertedoiros incontrolados a ceo aberto. Axudou a instalar recipientes para separar os residuos e asesorou sobre o emprego da materia orgánica como compost.
Tamén realizou varias actividades na Casa do Gaiato, fogar de preto de 200 nenos, supervisando a retirada de plásticos nas zonas de cultivo e organizando “brigadas antilixo” cos cativos. Traballou asemade con activistas da Fundação Encontro, que agora se encargarán de darlle continuidade a este labor tanto a nivel interno como nas aldeas.
Unhas tarefas que foron posibles grazas ao programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, dirixido aos cadros das administración locais pertencentes ao Fondo Galego de Cooperación e solidariedade.
Dentro deste programa, Jesús Bravo, técnico medioambiental do Concello, trasladouse durante un mes a Mozambique para colaborar coa Fundação Encontro para promover a separación, reutilización e reciclaxe dos residuos nas comunidades. “O obxectivo deste proxecto era compartir coñecementos e experiencias profesionais; logo do vivido e transmitido podo asegurar que esas metas foron acadadas plenamente”, explicaba ao facer balance da estancia.
Un total de 46 técnicas e técnicos de 32 deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participaron desde 2006 no programa Vacacións con Traballo, que permite intercambiar coñecementos nunha contorna novidosa, entrar en contacto con outras culturas e favorecer así a transformación cara sociedades máis xustas e inclusivas. Ademais, durante as estadías supervísanse sobre o terreo os proxectos de cooperación internacional cofinanciados, ao tempo que se poden identificar outros novos.