A proposta nace dunha moción presentada no ano 2016, na que se destaca “o compromiso adquirido por unha rede de apoio protagonizada por mulleres redondelás, aos presos de San Simón e do barco cadea Upo Mendi durante os primeiros anos da Guerra Civil”.
A través dun escrito enviado ao goberno municipal, o voceiro nacionalista Xoán Carlos González retoma esta moción e insta dedicar este 2020 a recoñecer publicamente o compromiso de numerosas mulleres redondelás que mitigaron o sufrimento dos presos por defender o goberno republicano. A moción presentada catro anos atrás, explican dende o Bloque “contara co apoio unánime da Corporación, mais o daquela alcalde Javier Bas esqueceu o seu compromiso”.
Lembran que polo presidio de San Simón, pasaron uns seis mil presos entre setembro do ano 1936 e marzo de 1943. Ademais da Illa, sumouse o barco prisión vasco Upo Mendi. “As duras condicións que padecían os presos, con violencia física e psicolóxica, fame, andazos, que mesmo acabou con moitos deles paseados, converteuno nun dos presidios máis duros. Paralelamente en Redondela, A Portela, Cesantes, Cedeira teceuse unha rede de apoio, protagonizada por mulleres voluntarias que decidiron mitigar as súas penurias”, apunta Xoán Carlos González, quen engade que “o noso deber consiste en recoñecer o seu compromiso e valentía, en momentos nos que elas mesmas padecían as necesidades por mor da propia Guerra Civil”.
Recorda que no verán pasado o BNG desenvolveu un acto en memoria deste colectivo de mulleres no peirao da Portela, de onde partían as embarcacións que se dirixían a San Simón e Upo Mendi, realizáronse diversas actividades: representacións, discursos, ofrenda floral. Considera o voceiro do BNG, que “xa é hora de rescatar da memoria colectiva esta parte da nosa historia local, que tanto apoio e solidariedade transmitiu a moitos presos e ás súas familias”.