As obras de derrube arrancaron esta semana malia as peticións, tanto da Asociación de Veciños de Chapela como do BNG, que propoñían recuperar o espazo co obxecto de destinalo aos diferentes colectivos sociais, culturais e deportivos para que puideran realizar as súas actividades. Defendían esta opción como a máis axeitada para solucionar o déficit de locais na parroquia. Unha petición que finalmente non puido salvar o edificio da picaña, acometéndose a demolición tal e como estaba previsto nos acordos asinados entre Audasa e Fomento.
O convenio asinado entre a empresa concesionaria e o Ministerio de Fomento para a ampliación da AP-9 contemplaba tanto o traslado do alumnado ao novo centro construído en Cidadelle como o derrube do antigo colexio xunto a autoestrada. Con todo, dende a Asociación de veciños da parroquia entendían que parte do edificio podía ser recuperado como espazo dotacional, realizando tan só unha demolición parcial para que Audasa puidese construír un vial se servizo de oito metros e deixando o resto do inmoble para os diferentes colectivos da parroquia que precisan de locais nos que desenvolver as súas actividades. Unha petición que fora trasladada ao goberno local solicitando que dende o concello xestionaran este tema con Audasa e Fomento así como a realización dun estudo de viabilidade técnica da obras e o seu custe económico.
Unha petición que tamén no seu día realizada o BNG a través dunha moción na que solicitaban a conversión do colexio nun espazo multicultural aproveitando os 2.000 metros cadrados do centro para dar servizo ás numerosas entidades culturais que funcionan en Chapela.
Unhas solicitudes que quedan agora en papel mollado unha vez que o Colexio está xa a ser demolido polas máquinas.