Obter o título de monitor de tempo libre, prepararse para traballar nun supermercado, nunha gasolineira ou nun almacén, son algunhas das propostas que nos deixa a OMIX de Soutomaior que arranca o ano cunha serie decursos formativos que buscan mellorar a preparación e empregabilidade dos seus veciños. Tamén está en marcha un curso preparatorio para a obtención do título de ESO. As persoas interesadas poden achegarse á oficina de Xuventude no Multiúsos de Arcade ou realizar a inscrición en liña a través da súa páxina web.
Ata o día 24 deste mes teñen de prazo as persoas interesadas en obter o título de ESO, que deberán acudir ás clases dende o 28 deste mes ata o 28 de maio.
Tamén está aberto xa, ata o 12 de febreiro, o prazo de inscrición para o curso de caixa-reposición que arrancará o 17 de febreiro. En total 60 horas de formación, 20 teóricas e 40 prácticas en empresas que facilitará a formación neste eido.
Os interesados en realizar traballos vencellados co tempo libre teñen tamén a posibilidade de realizar un curso de monitor de 350 horas que se impartirá do 6 de marzo ata o 30 de maio e no que ademais de recibir a teoría correspondente accederán a 150 horas de prácticas en empresas.
Tamén en marzo impartirase un curso de expendedor de combustibles de Gasolineiras e pecha este programa un curso de carretillas elevadoras que se desenvolverá durante o mes de abril.