O equipo que adestra Roberto García, ocupa o 6º posto na táboa da primeira división do fútbol galego feminino. Do cadro de xogadoras forman parte futbolistas de Soutomaior, Redondela, Vilaboa e Pontevedra. O técnico amósase “encantado” co compromiso e rendemento destas mozas, e aspira a que o Arcadia remate a liga “entre os cinco primeiros clasificados”.
García advirte que “é complicado” sacar adiante un equipo de fútbol feminino, aínda que cada vez son máis as rapazas que practican fútbol. No Arcadia E.F. Conseguiron reunir un grupo de xogadoras de calidade, que se iniciaron no fútbol base e no fútbol sala, e que apostaron por este proxecto.Logo dun comezo de liga complicado, con cambio de adestrador incluído, o equipo está a facer unha gran temporada, chegando a sumar un refacho de cinco vitorias consecutivas. Cando xa se disputaron 18 xornadas, iniciada a segunda volta, suman 8 vitorias, 5 empates e 5 derrotas. O técnico advirte que a recta final da liga “vai ser difícil” porque todos os rivais se coñecen e hai “moita igualdade” no campionato. Afirma que tentarán seguir na mesma liña e rematar a liga “o máis arriba posible”. Orzán-Arcadia A pasada semana gañaron pola mínima ante o Boiro, nun partido disputado no Salgueirón. Máis complicado o terán esta fin de semana, o domingo o equipo terá un longo desprazamento a Coruña. Xogan no campo do Orzán, 7º na táboa, e que suma un punto menos que o Arcadia. Non será doado acadar un resultado positivo, pero Roberto García aposta polo seu equipo. Asegura “que non van regalar nada” e que pelexarán por traer os tres puntos. Xogarán o domingo no campo Torre Nº1, ás 16.00 horas.