A Xunta Xeral da confraría San Juan de Cesantes elexiu a Xoel López como novo patrón maior. Substituirá así no cargo a Clemente Bastos, quen presentara a súa dimisión meses atrás logo de dez anos ao fronte da confraría. López conseguiu o apoio de 10 dos vogais, fronte a sete que optaron polo seu rival, Severino Casal, quen terá un papel destacado na nova directiva ao facerse coa Vicepresidencia segunda. Ana Belén Sotelino asumirá a vicepresidencia primeira.
O novo responsable dos pescadores cumpre hoxe mesmo 32 anos e forma parte do pósito dende o 2015. Mariñeiro dedicado a diferentes artes asume o mando da confraría nun momento complicado, logo de que o seu predecesor se vise obrigado a renunciar tras a dimisión de máis da metade dos membros da xunta xeral, en desacordo coas medidas que pretendía aplicar co obxecto de reflotar a entidade. Deberá ser agora Xoel López que aborde as actuacións necesarias para recuperar economicamente un pósito que nos últimos tempo viu como diminuían os seus ingresos cun descenso na facturación en torno ao 30% durante o último ano así como a forte caída no número de embarcacións. Unha situación que levou incluso a anterior directiva presidida por Clemente Bastos a buscar medidas de contención no gasto para evitar a quebra económica e a suspensión de pagos. Unhas medidas que foran rexeitadas pola Xunta Xeral e que precipitaran as eleccións.
De feito, nada máis coñecerse a súa elección afirmou “estar contento de chegar ata aquí” e anunciou a súa intención de “tentar cambiar as cousas polo ben de todos os que formamos parte da confraría”.