Os nacionalistas entenden que o anuncio de venda do Centro de Interpretación da Batalla de Rande, Meirande, por parte da familia Martínez-Bordíu, é claramente “un caso de movemento especulativo, no que uns terreos abandonados durante décadas, afectados por diversas lexislacións, espertaron agora o interese da familia do ditador”. Entenden que os servizos xurídicos do Concello deberían tomar medidas xudiciais contra quen pretende vender un espazo de carácter cultural, malia carecer dos títulos de propiedade.
Dende a organización nacionalista responsabilizan tamén desta situación á propia Autoridade Portuaria polo seu interese en construír en Rande unha base de contedores duns 200.000 metros cadrados. Entenden que grazas a estes movementos a familia dos Franco dáse conta que dispón duns terreos que se revalorizarían e dos que pretende sacar tallada, incluíndo a venda do propio Meirande.
Para evitar que se repitan situación coma esta, solicitan dende o BNG que se reverta a situación dos terreos, para acabar con intereses unicamente lucrativo “No canto de mantelos como chan industrial, apostamos porque se convertan en terreos dotacionais e de carácter social”. Daríase cumprimento, segundo valora o voceiro do BNG, Xoán Carlos González, ao interese da veciñanza que mantivo durante anos estes terreos, para convertelos nun espazo de ocio e lecer, complementarios ao museo.