A corporación municipal debate o vindeiro xoves, no pleno previo a celebración do Día Internacional da Muller, a Declaración Institucional co gallo da conmemoración do 8 de marzo, pero tamén outra declaración de relevancia polo recoñecemento que supón a todas aquelas mulleres que colaboraron na mellora das condicións de vida dos centros de presos que pasaron polo penal da Illa de San Simón entre os anos 1936 e 1943. Neste sentido está previsto que se recoñeza o ano 2020 como o “Ano das mulleres de San Simón”. O pleno celebrarase ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira.
Unha iniciativa que retoma unha petición feita xa polo BNg no ano 2016 cando, co gallo do 80 aniversario do golpe de Estado do ano 36, solicitaban que se implementasen en Redondela unha serie de actos encamiñados a resarcir a memoria histórica e recoñecer expresamente o traballo e apoio das mulleres que colaboraron na mellora das condicións de vida dos presos que pasaron polo penal San Simón. Unha moción que fora aprobada de xeito unánime pola corporación pero que logo non dera lugar a ningún tipo de acto por parte do anterior goberno de Javier Bas.
Nomear este 2020 como Ano das Mulleres de San Simón supón recoñecer institucionalmente o labor desta rede solidaria de mulleres de Redondela, A Portela, Cesantes e Cedeira que se dedicaron a mitigar as penurias dos reclusos que pasaron pola Illa entres 1936 e 1943, máis de 6.000 persoas que malvivían en San Simón.