Centos de persoas volveron onte ateigar o centro da vila para gozar das diferentes actividades organizadas dende o Concello. Unha xornada que culminaba coa música dos 80 e 90 do grupo Nuevo Plan pero que vivía o seu acto principal coa Queima do Meco e o espectáculo Vatra. O vindeiro sábado será Chapela quen acolla os actos en torno ao enterro do Berete, con comparsas que partirán ás 18:30 horas dende o Alto da Encarnación e desfile ata a praia de Arealonga. A música das Broken Peach pecharán o Entroido cun concerto ás 21:30 horas.
O meco, que nesta edición representaba ao presidente da Autoridade Portuaria e o cargadoiro de mineral de Rande, era devorado polas lapas como unha alegoría das pretensións do ente portuario de derrubar este elemento do patrimonio industrial así como os seus plans para instalar un almacén de contedores na explanada de Rande. Un lume precedido polo espectáculo Vatra, con acróbatas, bailaríns e música en directo cargo da compañía Pablo Méndez Performances. Tamén durante a tarde celebrouse o concurso de disfraces no que o xurado elixiu na categoría individual unha “Drag Queen” e unha “Frida Khalo”; “O lobo feroz e Carapuchiña” e “A raiña de corazóns e o coello” fixéronse co premio nas parellas e nos grupos resultaron gañadores unha “Gheisas” e uns “Pica-troula”, uns Picapiedra que conducían o tradicional troncomobil. A programación do Entroido organizada polo Concello retomarase o sábado en Chapela sempre que o tempo o permita. Está previsto que o grupo Aperta Percusión acompañe á comitiva do enterro do Berete que partirá dende o alto da encarnación ás 18:30 horas en dirección á Praia de Arealonga. Unha vez alí repetirase o espectáculo Vatra e procederase a queimar o peixe. A xornada rematará cun concerto de rock&soul a cargo das Broken Peach, quen actuarán no paseo marítimo de Chapela.