Malia que dende hai anos Redondela non celebra o enterro da sardiña, este mércores o centro da vila recupera esa tradición aínda que dándolle un marcado carácter reivindicativo. Así, o mércores de cinza é a xornada elixida pola Coordinadora contra a casa de apostas para celebrar o enterro deste negocio que se quere abrir na rúa Ernestina Otero. Esta celebración será na Alameda Castelao ás 19:00 horas.
O evento consistirá nun acompañamento á difuntiña casa de apostas pola Alameda de Redondela para continuar cun enterro e celebración posterior que consistirá en convidar a chocolate quente ás persoas asistentes.
A organización anima a toda a veciñanza a participar deste evento de carácter festivo-reivindicativo contra a apertura da casa de apostas. Lembran que con data 9 de abril de 2019 a Xunta de Galicia autorizou a instalación dunha casa de apostas na rúa Ernestina Otero, unha autorización que ten unha validez dun ano, polo que o vindeiro 9 de abril vencerá o prazo para que este negocio se instale na vila. Por este motivo, a coordinadora contra a casa de apostas quere neste Entroido celebrar un enterro da ruleta para emular o que desexan que suceda a partir do 9 de abril.
A idea desta celebración reivindicativa é compartida noutros lados de Galicia, tanto é así que outras coordinadoras como a de A Coruña celebrarán tamén o seu enterro da casa de apostas, o mesmo mércores.