A concelleira e deputada provincial, Olga García, adiantou no pleno celebrado onte que o proxecto para a estrada provincial EP-2901 está xa redactado e en fase de licitación. Contestaba así a edil a unha moción do PP na que reclamaban á Deputación que mellore a seguridade neste vial. Os populares decidiron seguir adiante coa moción malia a petición do goberno local de que a retiraran “unha vez que o proxecto está xa realizado” e puxeron en dúbida que con cen mil euros se vaia solucionar un problema de seguridade que afecta a un tramo de dous quilómetros. O goberno local adiantou que nos vindeiros días reuniranse cos veciños para explicarlles en que consistirá a obra.
Arrancaba o debate coa intervención da propia alcaldesa quen pedía ao PP que retirara unha moción por “carecer de sentido unha vez que reclama algo que xa está feito” como é a redacción do proxecto para a mellora da EP-2901. Seguían adiante os populares coa moción por entender que “estes debate serven para que tanto Deputación como goberno local se poña a traballar” e esixindo que se o proxecto está feito “que o executen, porque se trata dunha estrada moi perigosa, sen beirarrúas, e cun importante tráfico pesado, ademais de ser moi empregada polos veciños da zona”. Atopábase Carmen Amoedo coas crítica do restos dos grupos. Dende AER, Roberto Villar, acusaba ao PP de “usurpar o traballo da veciñanza” que leva máis de dez anos reclamando melloras nesa estrada “sen que o PP as atendera malia estar varios anos gobernando tanto na Deputación como no Concello”. Insistía tamén nesa idea o voceiro do BNG, Xoán Carlos González quen lembraba que “ao PP comezou a preocuparlle esta estrada provincial cando deixaron de gobernar na Deputación, mentres estivo Louzán nunca fixeron esa reclamación”. Aseguraba tamén o edil que estarán pendentes de que este equipo de goberno non faga o que fixo Javier Bas na estrada do Galleiro “malversando cartos públicos”. Na súa intervención a socialista Olga García reiteraba en que a obra está en proceso de licitación e criticaba que o PP insistise en “buscar a crispación cos veciños, presentando mocións destas características cando saben que o proxecto está sobre a mesa”. Remataba o debate Carmen Amoedo poñendo en dúbida que “con cen mil euros se vaia solucionar un problema de seguridade vial que afecta a un tramo de dous quilómetros”.