A Familia de Sesé Mateo e o concello de Redondela veñen de crear este premio que busca recoñecer as boas prácticas no ámbito xornalístico e traballan na creación dun protocolo de actuación ante asasinatos machistas con orfos e orfas. Unhas iniciativas que se darán a coñecer no transcurso da clausura do proxecto Sesé Mateo posto en marcha pola familia e amigos desta veciña de Chapela, vítima da violencia machista en febreiro do 2017. Un acto que terá lugar este sábado 7 de marzo no Auditorio da Xunqueira.
A familia de Sesé Mateo clausurará en Redondela o proxecto No camiño do vento iniciado hai xusto un ano a partir da publicación de textos e poemas escritos por esta veciña de Chapela, asasinada no ano 2017. O acto do sábado servirá tamén para dar a coñecer o Premio Sesé Mateo de boas prácticas no xornalismo sobre violencia de xénero. O motivo deste premio, explica Joshua Mateo, fillo de Sesé, nace da súa propia experiencia “nos sufrimos o morbo dos medios de comunicación que en ocasións deron datos innecesarios, por iso entendemos moi apropiado recoñecer aqueles medios e traballos que se fan dende o respecto”. Participarán neste evento, o sábado ás 12:00 horas, xunto a Joshua, Marisa Soleto, directora de Fundación Mulleres e responsable da Secretaría Técnica do Fondo de Bolsas Fiscal Soledad Cazorla Prieto, entidade á que se destinaron todos os beneficios xerados pola venda do libro que logrou recadar máis de 14.000 euros logo de que practicamente se esgotasen todos os libros “quedan uns cen exemplares dos 2.200 que editamos”. O mesmo sábado 7, ás 18h30, no mesmo espazo, a xornalista Ana Belén Puñal Rama, autora da análise sobre o tratamento que fixeron os medios do asasinato de Sesé Mateo recollido no mesmo libro de poemas, presentará o seu libro sobre A prostitución no espello dos medios: unha análise de ABC e El País entre 1977 e 2012. Con estas actividades pecharase o círculo iniciado coa publicación do libro de textos e poemas co que a familia e amigos de Sesé Mateo quixeron lembrala no 2º aniversario do seu asasinato por violencia machista, sucedido o 20 de febreiro de 2017, en Redondela. Un tempo no que Joshua chegou incluso ao Congreso co obxecto de demandar máis medios para os orfos e as orfas da violencia de xénero que en moitos casos quedan en situación de desamparo logo dun asasinato. Entende que nos últimos anos téñense dado pasos positivos neses sentido como o feito de que se subiran as axudas aos orgos con fillos ao seu cargo, pero que queda moito por facer. Dende o concello amosaban a súa satisfacción pola convocatoria deste premio xornalístico que será publicano nos vindeiros meses, unha vez se redacten as bases.