Enmarcado dentro do programa de actos en torno ao 8M, este martes ás 12:30 horas terá lugar ás portas do concello a proposta “Conversas de bo trato sen palabras”. A cita aberta ao público, correrá a cargo do colectivo feminista “Somdolilá”, conformado por activistas, artistas e formadoras, e poñerá o foco nas violencias invisibles contra a muller a través dunha proposta multidisciplinar que conxugará percusión, palabra falada e movemento.
Unha proposta que contará coa presenza da presidenta provincial Carmela Silva, acompañada da alcaldesa Digna Rivas, e durante a mesma o colectivo tratará de utilizar a arte como ferramenta de empoderamento, sororidade e transformación. A través da peza rítmica ou batucada, todas as participantes poderán sentirse unidas. Ademais, este evento terá unha fase de preparación previa que contará con alumnos do IES Illa de San Simón e na que as integrantes de “Somdolilá” levarán a cabo exercicios de reflexión sobre as violencias e as súas solucións para, posteriormente, impartir un obradoiro de batucada onde a comunicación será exclusivamente musical, sen palabras.
“Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade.