O Multiúsos da Xunqueira acolle dende hoxe luns e ata o sábado 14 a VII edición do Festival Internacional de Curtametraxes e diversidade funcional. Unha proposta orientada nos primeiros días ao público escolar e que se abrirá ao público en xeral a partir do xoves. Un total de dez curtas tentará facerse co premio na sección oficial, mentres que na escolar compiten sete traballos. Os pases inclúen tamén charlas co escritor Sergio González, a ciclista Mila López, o nadador Juan Ferrón e a actriz Mónica Ferreiro.
A proxección da curtametraxe “Para Sonia” que se proxectará o xoves ás 20:00 horas no Multiúsos abrirá o festival ao público en xeral, mentres que nestes tres primeiros días serán preto de 1500 escolares os que vivan a experiencia do cine en curto ao tempo que comprobarán de primeira man realidades de persoas que nos adentrarán nas súas vivencias e capacidades para acadar mentas inimaxinables.
Un festival que nacera oito anos atrás no seo do desaparecido Redondela en curto co obxectivo de dar visibilidade e normalizar a situación da diversidade funcional na nosa sociedade. Este é o segundo ano como certame independente, sendo o primeiro de Galicia dedicado integramente á temática da discapacidade.
Adagio, Izan, Lay Them Straight, Rígido, Cuarto tiempo son algúns dos traballos que poderemos ver nas proxeccións durante as xornadas de venres e sábado. Cita esencial o sábado ás 18:00 horas coa proxección de “Máis ca vida” de Rubén Riós, unha película que obtivo 8 candidaturas aos Premios Goya deste ano e que contará ademais ao remate cunha charla coloquio na que participa a súa actriz protagonista, a ourensá Mónica Ferreiro.
As entradas teñen un prezo de 4 euros, dous euros reducida para menos de dez anos e persoas con discapacidade.