A Área Sanitaria de Vigo vén de reorganizar a asistencia da atención primaria de xeito que a partir deste luns, día 23, vaise centralizar en determinados centros de saúde a atención aos pacientes con sospeita de padecer infección respiratoria por Coronavirus. No caso do noso municipio é o Centro de Saúde de Redondela, que atenderá aos doentes con sospeita COVID -19 para a área de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Chapela e Redondela.
Con esta medida trátase de ofertar unha atención “máis eficaz e resolutiva a cidadanía”, usando os centros con características mais axeitadas (salas de maiores dimensións, posibilidade de diferenciar circuítos, salas de espera mais grandes, etc.) ao tempo que se intenta “protexer e preservar” a saúde dos equipos de profesionais fronte ao coronavirus. Así, establécense quendas rotatorias entre médicos e enfermaría para incorporarse ao centro de referencia de atención ao COVID-19, minimizando o risco inherente a unha exposición continuada ante o virus de todos os sanitarios ao mesmo tempo. Ademais, a partir de hoxe mesmo, os médicos de atención primaria encargados nestes centros de saúde de referencia poderán solicitar directamente a proba diagnóstica PCR nos casos en que estea indicada. Os usuarios deberán chamar ao seu ambulatorio ou PAC antes de acudir ao mesmo. Os profesionais sanitarios atenderán todas as consultas telefónicas e, se o consideran necesario, indicasen a realización do test do Covid-19.
Un total de 18 centros de referencia na área sanitaria de Vigo
A partir de hoxe a área sanitaria de Vigo pon en marcha esta reorganización da asistencia centralizando os casos sospeitosos nuntotal de 18 centros de saúde. Ademais do centro de Saúde de Redondela, trátase dos centros de saúde de Sárdoma, que tamén atenderá aos pacientes de Bembrive e Matamá; o de Navia aos de Coruxo; o da Rúa Cuba incluirá aos de Taboada Leal; o de Rosalía de Castro aos do Casco Vello e Beiramar; o de Pintor Colmeiro aos do Nicolás Peña e López Mora; o de Tui aos de Goián e Tomiño; o da Guarda aos do Rosal e Oia; o de Cangas tamén atenderá aos enfermos de Moaña; o do Porriño aos de Salceda de Caselas; o do Val Miñor atenderá aos pacientes de Gondomar, Nigrán e Baiona; o de Salvaterra aos de Mondariz, Mondariz Balneario, Covelo, As Neves e Salvaterra; e o da Cañiza tamén recibirá a pacientes persoas de Arbo, Crecente e Valeixe.