A falta de persoal e de formación é a principal queixa dos traballadores que se encargan do servizo de limpeza do Hospital Alvaro Cunqueiro. Aseguran estar ao borde do colapso porque “xa viñamos arrastrando o problema da falta de persoal, unha situación que se agrava por momentos coa chegada cada día de máis pacientes sospeitosos ou enfermos de coronavirus”. A todo isto hai que engadir que son xa 9 os infectados no cadro de persoal “contaxios que se puideron evitar porque a empresa Acciona ocultou que unha persoa estaba infectada”. Así o denuncian dende o comité de empresa do que forma parte Jorge Costas, actualmente de baixa por ser un dos contaxiados.
“Teño compañeiras que saen do servizo chorando” así o asegura Costas dende o seu domicilio, onde está recuperándose do coronavirus, logo de que hai unha semana se fixera a proba e dera positivo. De feito, sospeitan que os contaxios, un total de nove confirmados, son produto dunha neglixencia por parte da empresa que “tería ocultado que unha persoa estaba infectada e non solicitou as probas para outra sospeitosa”. Malia atoparse relativamente ben de saúde “tan só tiven febre algún día e dor de cabeza” non se sinte ben animicamente porque “estou en contacto cos meus compañeiros e compañeiras e sei que o están pasando mal”. Asegura que ante a falta de persoal a empresa está presionando para que os traballadores vaian nos seus días libres “traballamos nunhas condicións moi complicadas, con traxes e sistemas de protección que dificultan moito a noso traballo e cun nivel de estrés moi elevado, se a isto lle engadimos ter que traballar tamén nos nosos días libres a situación aínda empeora”. Insiste Jorge Costas que a solución pasa necesariamente por incrementar o numero de contratados “porque moito nos tememos que cada vez sexan máis os pacientes, agora son uns 13 na UCI e moitos máis en planta, aos que hai que engadir os casos sospeitosos”, lugares nos que a limpeza ten que ser extrema para evitar que se espalle o virus.