O PP centrou todas as súas intervencións en criticar o que entenden “pasividade do goberno local ante a situación de pandemia e crise que estamos a vivir” mentres o goberno lle contestaba que dende o primeiro momento se adoptaron medidas como adiamentos fiscais, exención de taxas e bonificacións. Un pleno extraordinario que se celebraba pro primeria vez de xeito telemático e no que se aprobou o convenio de reforma da Avenida Mendiño malia as críticas cara a Axencia de Infraestruturas por non aceptar modificacións ao proxecto realizado dende a Xunta.
O goberno local explicou que a convocatoria dun pleno extraordinario buscaba “sacar adiante temas pendentes de marzo e ser unha proba de cómo xestionar os plenos a distancia”. Explicacións que non convencían ao PP, cuxa voceira Carmen Amoedo, insistía en todas as súas intervencións en que ante a crise sanitaria e económica que estamos a vivir o debate debía xirar en torno a medidas orientadas a paliar esta situación e non outros temas que cualificou de “innecesarios”. Argumentos que defendía tamén no debate en torno a achega que o concello deberá facer ao convenio de reforma da Avenida Mendiño. Unha obra que ascende a 1,6 millóns de euros, dos cales o concello deberá aportar en torno a 433.000 euros. Dende AER apuntaban que malia non estar de acordo co proxecto da Xunta ante “o tomas ou o deixas” do goberno galego e entendendo que se trata dunha reforma moi necesaria ían votar a favor. Os nacionalistas optaron polo voto en contra, por entender, segundo explicou Xoán Carlos González, que é preciso incluír nese proxecto varias modificacións como carril bici dende o centro ata o peirao de Cesantes, humanizar a zona ao redor do centro de saúde e converter este tramo en estrada de titularidade municipal. Dende o PP defendían o labor da Xunta e o seu compromiso con esta obra e criticaban ao goberno por non ter acelerado os contactos coa Consellería. Insistía Carmen Amoedo na necesidade de abordar outras cuestións nestes tempos de pandemia. Unha palabras que recibían o rexeitamento unánime do resto dos grupos. Moi belixerante amosábase a socialista María Castro, quen insistía en que “dende o inicio do Estado de Alarma o concello está a traballar en medidas para suavizar a crise pero que tamén é preciso avanzar en cuestións coma estas que permiten sacar obras adiante”.