A Comunidade de Montes Veciñais en man Común do Viso vén de inscribir parte do seu monte no rexistro de proxectos de absorción de dióxido de carbono (CO2) do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Son máis de 4,5 hectáreas onde fixeron labores de rexeneración despois dos incendios do ano 2016. Deste xeito poñen a disposición de entidades, administracións ou empresas a posibilidade de mitigar o carbono que emiten coas súas actividades habituais, e compensalo apoiando economicamente o desenvolvemento de arboledo e a restauración de montes.
A iniciativa, presentada pola comunidade de montes a finais do 2019, foi inscrita o pasado mes de abril polo Ministerio de Transición Ecolóxica neste rexistro de absorción de CO2. Este Rexistro, de carácter voluntario, recolle os esforzos das empresas, administracións e outras organizacións españolas no cálculo, redución e compensación das emisións de gases de efecto invernadoiro que xera a súa actividade. Xosé Covelo, da directiva da Comunidade de Montes do Viso, explica que o seu proxecto consiste en 4,55 hectáreas “onde a comunidade xa procedeu á realización de labores de rexeneración dunha masa natural de piñeiro do país que fora destruída nos incendios do ano 2016”. A medida que a masa vaia crecendo nos próximos 30 anos, as árbores absorberán da atmosfera dióxido de carbono, un dos principais gases responsables do cambio climático. Ao inscribirse no rexistro, poñen a disposición de entidades, administracións ou empresas a posibilidade de mitigar o carbono que se desprenda das súas actividades habituais, podendo compensalas apoiando o desenvolvemento de arboledo e a restauración de montes. Unha vez a entidade calcula a pegada de carbono da súa actividade, poderá compensala a través do rexistro de absorcións do Ministerio, onde os montes do Viso. Este un dos 7 proxectos que existen en Galicia, dun total de 80 en toda a península. As actividades susceptibles de compensar as súas emisións pasarían tanto polas propias industriais, os transportes e loxística, a construción e tamén aquelas ligadas a outros campos, como poden ser eventos socio-culturais, iluminación viaria, sistemas de calefacción e climatización ou vehículos, tanto de entidades como de administracións públicas. “É unha oportunidade para que tanto industrias como Administracións sexan consecuentes medioambientalmente”. Ademais o certificado reportaríalles ás empresas beneficios, xa que hai normativa estatal e internacional que obriga a reducir as emisións. Tamén son cada vez son máis as administracións que obrigan ás empresas que se presentan aos concursos de obra pública a certificar que teñen “emisións 0”. A comunidade calcula que en 30 anos a masa inscrita absorberá 1.416 toneladas de CO2, das que na actualidade poñen xa a disposición dos interesados unhas 257 toneladas. Aínda que no mercado non hai uns prezos medios fixados para estas emisións, a tonelada cotízase entre 7 e 10 euros. Estiman que ao longo do proxecto a comunidade poida percibir ao redor de 14.000 euros por esas 1.416 toneladas, unha contía que contribuirá ao mantemento da masa forestal. Os comuneiros do Viso esperan que nos próximos anos, a medida que se vaian realizando novos labores de rexeneración das superficies danadas polos incendios do ano 2016, póidanse inscribir no rexistro até unhas 40 hectáreas.