Normalidade nos areais do municipio na primeira xornada na que está permitido tomar o sol e bañarse. Estase a manter o distanciamento social, os grupos non superan as dez persoas e a responsabilidade nas condutas é a tónica xeral no noso municipio onde se optou por incrementar a información á cidadanía coa instalación de carteis nos areais e reforzo da limpeza no mobiliario para evitar a propagación do coronavirus. Unhas praias que reabren, sen duchas polo momento pero si con aseos.
Malia que algúns municipios optaron por parcelar os areais, restrinxir o acceso e horarios ou establecer cita previa, en Redondela decantáronse pola información como medio para concienciar á cidadanía da importancia de manter as normas de seguridade e prevención establecidas para estes espazos. Neste luns, no que xa se puideron ver aos primeiros bañistas en praias como a de A Punta, Rande ou Arealonga, o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, destaca a normalidade coa que se está a desenvolver a xornada. Con usuarios que están a cumprir as normas, entre elas o distanciamento social e número de persoas, máximo dez, por grupo. Malia todo pide sensatez e solidariedade tanto no uso como no horario, para que todos poidamos gozar dos areais.
Praias nas que tamén poderemos facer uso de servizos como os aseos e as duchas, neste último caso cando arranque a campaña de verán, e nos que se fará especial incidencia na limpeza e hixienización. En canto a mobiliario como bancos, mesas ou paseos, tamén se poderán empregar pero o edil lembra que “por moita limpeza que se faga a mellor precaución segue a ser o lavado de mans”. Fai fincapé en que estamos a falar de espazos de gran importancia natural, situados en Rede Natura 2.000 que non se poden hixienizar do mesmo xeito que se fai nas rúas ou no interior dos locais.
Pendentes da evolución desta primeira semana e do cumprimento das pedidas de prevención e seguridade por parte da cidadanía, polo momento desbotan calquera outra medida e apelan á responsabilidade da xente como mellor xeito de evitar a propagación da COVID-19. Para comprobar que todos os usuarios fan un uso correcto das praias, reforzarse o servizo de control a través da Policía Local. O edil lamenta a falta de recursos dos que dispoñen os municipios para poder por en marcha outras medidas.