Logo de máis de dous meses e medio pechado ao público, o castelo abrirá as súas portas adaptándose á “nova normalidade”. Será obrigatorio o uso da máscara e luvas, ao tratarse dun museo interactivo, e recoméndase o pago con tarxeta ou online. Limítase o número de persoas e refórzase a limpeza e hixienización do espazo.
Xa se poden reservar os billetes para visitar o castelo de Soutomaior e os seus xardíns a partir da próxima semana. O martes, o día 2 de xuño, reabren ao público con “todas as garantías, medidas de seguridade e con plans de continxencia específicos para cada recinto”. Así, ponse en marcha un protocolo de actuación que recolle medidas hixiénicas, recomendacións para os visitantes e medidas de prevención. Tamén se establecen protocolos de actuación concretos para a atención ás persoas visitantes, para reservas e vendas, para servizos turísticos, cesión de espazos, control de accesos e limpeza e pautas de actuación para as empresas subministradoras, que deberán presentar un plan de medidas hixiénico –sanitarias. O obxectivo, segundo explica a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, é “converter a todos os nosos equipamentos culturais en espazos seguros”.
No caso do castelo de Soutomaior refórzase a limpeza, ventilación e desinfección, o persoal contará con equipos de protección, haberá controis de temperatura e habilitaranse zonas de espera específicas e medidas de distanciamento social, con marcadores de distancia de seguridade no chan. Será obrigatorio o emprego de mascara en todos os recintos, tanto para o persoal como para as persoas visitantes e, ao tratarse dun museo interactivo, serán tamén de obrigado uso as luvas. Amais, habilitaranse zonas de atención ao público e venda de entradas, aínda que se recomenda a compra online e o pago con tarxeta. Tamén se limitará o número de visitantes respectando as capacidades previstas segundo as fases establecidas no Plan para a Transición cara a Nova Normalidade.