Os cabezudos sairán ao balcón do concello este mércores para lembrar que nestes días estariamos celebrando as Festas da Coca de non existir o coronavirus. Ademais dos vídeos e imaxes que os veciños enviaron das súas alfombras confinadas, tamén se convida a participar adobiando os balcóns con carteis anunciadores desta festa dende 1967 ata 2019 que poden recollerse no Multiúsos da Xunqueira. Para amenizar o festivo do xoves as bandas de Música de Arcade e Redondela percorrerán as rúas do casco urbano. Dende o Concello anuncian tamén a publicación de tres audiovisuais sobre as festas.
As concellerías de Cultura e Eventos que xestionan Daniel Boullosa e Marta Alonso veñen de anunciar as actividades que se desenvolverán en Redondela co gallo dunha festas que se teñen que adaptar ás restricións sanitarias vixentes. Dentro das iniciativas a desenvolver nesta Festa da Coca 2020, está a de poñer a disposición de veciños e veciñas carteis anunciadores das edicións da festa dende 1969 ata o 2019, para colgalos nos balcóns e facer que a Coca de Redondela estea máis presente que nunca. Os carteis poden recollerse no Multiúsos da Xunqueira de xeito totalmente gratuíto.
Os videos A Coca Confinada, “A Coca non falta a súa cita” e un terceiro sobre o percorrido histórico de alfombras florais, serán proxectados no facebook do Concello de Redondela e nunha pantalla na praza do Concello.
O mércores, véspera do Día da Coca, festivo local de Redondela, os cabezudos outro dos elementos tradicionais da festa, estarán presentes nos balcóns da Casa Consistorial para goce de grandes e pequenos.
O xoves, Día da Coca propiamente dito, a música encherá todos os recunchos de Redondela. Literalmente. As bandas de Música de Arcade e Redondela percorrerán todas as rúas do casco urbano para levar a festa aos fogares a través da música e transmitir, con eses sons, que pese ao coronavirus, o confinamento e as restricións, a Coca está aí e que todos e todas os veciños e veciñas, son partícipes da súa festa máis senlleira.