A agrupación de mariscadoras da confraría de Redondela denuncia a situación que viven na praia de Chapela onde teñen que enfrontarse aos furtivos que se dedican a retirar o marisco da praia. “Insúltannos, ameázannos e incluso raian os coches… son situacións moi desagradables que se repiten cada vez que imos a ese areal”. Ante esta situación solicitan unha maior presenza policial e que se multe aos furtivos “entendemos que é a única solución para que se retiren un pouco”.
A presidenta da agrupación, Esmeralda Bastos, explica que é habitual ver a 15 persoas ou máis extraendo marisco da praia cando non teñen dereito a facelo, son furtivos que están esquilmando o traballo das mariscadoras que son as que temos autorización a facelo”. Unha situación que ven de lonxe “os furtivos pensan que a praia é deles” o que leva a que cada vez que as mariscadoras vaian ao lugar xa sexa a limpar ou a recoller o marisco se teñan que enfrontar a situacións moi desagradables “insultos, coches raiados, rodas pinchadas ou ameazas”.
Logo dos últimos feitos, acontecidos a semana pasada, reuníronse cos responsables do Concello quen se comprometeron a negociar coa Policía Autonómica para que se incremente a presenza de axentes e tentar así persuadir aos furtivos para que deixen de levar o marisco.
Outra das medidas que entenden sería moi efectiva é controlar a hostalaría “porque sabemos que ese marisco acaba nos restaurantes”.