Hoxe é Martes 26 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os albergues de Redondela prepáranse para reabrir en xullo ante a “nova normalidade”

RR_Noticias

O Camiño de Santiago reabre as súas portas a partir do 1 de xullo, e os albergues recuperarán nesa xornada a súa actividade con medidas de seguridade fronte á COVID-19. Coa limitación do aforo ao 50% para algúns establecementos de Redondela non será aínda viable abrir ao público, e manteranse pechados ata que poidan dispoñer de maior ocupación.

O Camiño de Santiago reabrirá inicialmente o próximo 1 de xullo despois de que a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 estimase esa data como a máis oportuna para o reinicio da actividade. En Redondela, onde se unen os camiños Portugués e o da Costa, a apertura dos albergues será gradual. Se ben moitos están a prepararse para abrir as súas portas o próximo 1 de xullo, outros prefiren agardar algo máis de tempo, en función de como evolucione a situación sanitaria tanto en Galicia, como no resto de España e tamén noutos países, xa que un 80% dos peregrinos que pasan por Redondela son estranxeiros. Albergues como A Conserveira, na rúa Pai Crespo, prepáranse para recibir peregrinos xa o próximo día 1 de xullo. O memso fará Maica Alén, do albergue Avoa Regina, na Picota. Logo do peche forzado pola crise sanitaria a mediados de marzo, dentro de dúas semanas volverá abrir. Acollerán así a peregrinos que xa tiñan reserva para xullo e que non a cancelaron. Son sobre todo españois e tamén algúns alemáns. Os responsbles destes establecementos, que xa recibiron protocolos de actuación da Consellería de Cultura e Turismo, agardan que nos próximos días se concreten as medidas que deben adoptar na atención aos seus clientes, xa que nas últimas semanas “os protocolos van cambiando en función da situación sanitaria”. O fundamental é a limitación do aforo do 50% e manter as distancias de seguridade, algo que para Maica “é contrario á esencia do Camiño”, que se caracteriza pola “proximidade de xente de diferentes partes do mundo”. Para algúns albergues non será viable abrir o 1 de xullo co 50% de ocupación, xa que se dispoñen de poucas camas non será rendible neste tipo de aloxamento onde as marxes son “moi axustadas”. Establecementos como A Rotonda non abrirá de momento “por precaución”. Explica Germán, o seu responsable, que os seus hóspedes chegan “de países dos cinco continentes”, polo que prefire agardar a ver a evolución da pandemia “para evitar riscos”. Estados Unidos, países de América Latina, Rusia, China ou Xapón son algúns dos lugares de procedencia dos peregrinos que cada ano atravesan Redondela facendo o Camiño de Santiago. As diferentes situación do coronavirus en cada lugar de orixe leva a Germán a actuar con “prudencia”. A crise sanitaria afecta de cheo ao Camiño de Santiago nun ano no que os albergues contaban cunha previsión de ocupación especialmente alta, na víspera do Ano Santo. No sector auguran unha importante caída no número de peregrinos, sobre todo nos estranxeiros. A Catedral de Santiago, a Oficina do Peregrino e os albergues públicos da Xunta de Galicia coordinaranse para abrir as súas portas o próximo 1 de xullo, tal e como concretou a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará