O xuízo celebrado hoxe puxo fin a un conflito laboral que a empresa concesionaria do lixo en Redondela levaba arrastrando dende hai meses, cando os traballadores denunciaran o “despedimento dun compañeiro como represalia sindical”. Malia que os traballadores esixían a readmisión do despedido, finalmente no xuízo chegouse a un acordo logo de que “a empresa aceptara pagar unha indemnización que triplica o que lle correspondería”.
O sindicato CUT valora positivamente o resultado final “xa que o traballador despedido malia non ser readmitido si recibe unha compensación económica logo de ter que enfrontarse a unha situación inxusta”. Con todo, insisten en que o comportamento da empresa neste proceso foi indignante. Neste sentido Alberto Covelo lembra que o pasado venres mantiveron unha reunión na que estaban presentes dous representantes do sindicato, a alcaldesa Digna Rivas o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar por parte do Concello e o delegado provincial de Urbaser. Nesa xuntanza o representante da empresa “mentiunos unha vez máis, xa que asegurou que ía poñer en contacto aos avogados das dúas partes para tentar chegar a un acordo antes da celebración do xuízo”.
“Cando a media tarde chamamos ao avogado de Urbaser non tiña constancia de ningún tipo de negociación” asegura Covelo. Un feito que lles parece insultante “méntennos a nós e tamén ao propio concello, xa que ese compromiso o adquiriron diante dos representantes do goberno local”.
Neste sentido aseguran que seguirán adiante con outros casos pendentes de vulneración de dereitos dos traballadores por parte de Urbaser e agradecen ao concello “que en todo momento fixo as xestións necesarias para tentar arbitrar no conflito e chegar a un acordo”.