O convenio asinado entre o Concello de Redondela e a Deputación de Pontevedra para a mellora da seguridade viaria na estrada do Galleiro non convence aos veciños da parroquia de Vilar de Infesta. O proxecto, para un tramo duns 700 metros na estrada provincial inclúe unha senda para bicicletas e peóns, pero os residentes da zona esixen a construcción de bierarrúas “como no primeiro tramo do proxecto”.
Manolo Davila, da Asociación de Veciños, explica que coa proposta actual os peóns non poderán circular con seguridade por esta estrada, e demanda que se recupere o proxecto orixinal con beirarrúas aos dous lados da vía.
O colectivo veciñal advirte que non permitirán o inicio das obras e nos próximos días reuniranse con outros colectivos en busca de apoios ás súas demandas. Aseguran que realizarán manifestacións e caceroladas ante o Concello e ante a Deputación para expresar o seu rexeitamento ao proxecto.
A asociación de veciños critica que desde a Deputación “non queren negociar nin sentar a falar” e acúsanlles de aprobalo en pleno o pasado 7 de maio durante o confinamento nunha sesión por vía telemática “na que os veciños non podiamos defendernos”.