A Confraría San Xoán de Redondela está a pasar por unha situación delicada nos últimos tempos, situación que se viu agravada por mor da crise económica derivada do COVID-19. Dende o Concello aseguran estar a colaborar con este organismo “na retirada de algas que supoñen un perigo para a pervivencia do marisco ou coa dotación de máscaras” pero esixen que a Consellería asuma “as competencias que lle son propias e colabore con este pósito”.
O pasado mes de xaneiro nomeábase unha nova Xunta directiva que pretendía mellorar a situación crítica que se arrastraba dende algún tempo, pero a chegada da pandemia obrigou a realizar un parón na recollida que, sumado ao peche da hostelería, produciu unha diminución significativa das súas vendas.
Dende o Concello de Redondela estase a colaborar na medida do posible para paliar os efectos económicos producidos por esta situación. Entre outras actuacións dotouse de medios preventivos a estas traballadoras co reparto de máscaras, así como coa colaboración na recollida das algas durante o pasado mes de maio, pondo a súa disposición maquinaria e medios técnicos humanos, xa que a acumulación de algas supón unha ameaza para o molusco.
“É intención do Concello continuar con esta colaboración, asumindo este tipo de actuacións puntuais, pero precisamos que a Xunta de Galicia asuma as competencias que lle son propias e colabore coa confraría e co Concello para axudar a estes traballadores nun complicado momento económico” apuntan dende o goberno local.