A proposta partía dende a Agrupación de Electores, quen defendía que se recuperaran as asignacións que os grupos percibían con anterioridade ao acordo plenario aprobado no 2019 o que suporía un aforro de 22.500 euros. Uns cartos que se destinarían a financiar medidas encamiñadas a palair os efectos da crise sanitaria da Covid. AER non logrou o apoio nin dos seus socios de goberno, xa que o PSOE se abstivo. Votaron en contra os populares mentres que o BNG votou a favor malia cualificar a moción de populista e “pouco elegante”. Si saía adiante unha moción do PP que propón a posta en marcha dun plan social municipal de colaboracións coas asociacións que traballan en Redondela.
A edil de AER Susana Couñago defendía a proposta insistindo en que esta rebaixa nas asignacións aos grupos políticos non suporía recortar os salarios dos concelleiros “simplemente retomar as asignacións que os partidos políticos percibían antes do 2019”. A medida suporía un aforro para as arcas municipais de 22.500 euros anuais, cantidade que sería destinada a afrontar o investimento que supuxo e supón aplicar accións para loitar contras os efectos do coronavirus.
Os seus socios de goberno optaron por non apoiar a proposta por entender que se deben respectar os acordos plenarios e que é preciso “tomar medidas de altura e non esta actuación que non tería unha gran repercusión económica nun plan de recuperación no que se prevé un investimento de dous millóns de euros”.
Os populares votaban en contra alegando que a proposta “é unha pantomima” que só busca quedar ben ante os veciños e criticaban que o goberno local non estivera a actuar con toda a premura que a situación demanda.
Tamén moi crítica era a intervención do BNG quen falaba de “pouca elegancia na propostas, aproveitando unha crise de calado”. Criticaban os nacionalista que non se estean a cumprir os acordos do pacto de investidura “defendemos que os políticos cobren pero tamén que fagan o seu traballo, e o goberno local non está a dedicar as horas que debería á atención ao público”.
Maior apoios recibía unha moción do PP solicitando do goberno local a posta en marcha dun Plan social municipal no que estarían presentes as asociacións e ONGs que traballan a nivel municipal como Cruz Vermella, Cáritas ou a Asociación Contra o cancro que viron incrementadas as súas necesidades e intervencións a raíz da crise sanitaria. Motivo polo que os populares pedían tamén que se axilizase a sinatura das subvencións nominativas e achegas económicas que estes colectivos reciben do concello para desenvolver o seu traballo.
Neste sentido a edil de Servizos Sociais, Marta Alonso aseguraba que dende o goberno local están en permanente contacto con estes colectivos quen prefiren adiar a convocatoria de dito Plan Social ante a enorme carga de traballo que teñen actualmente. Tanto os socialistas como as voceiras de AER e BNG aproveitaban as súas intervencións para criticar o proceder da Xunta en todas esta crise “xa que mentres o goberno galego foi o gran ausente delegou nos concello a responsabilidades de atender a cidadanía”. De feito, os nacionalista votaron en contra da moción alegando que “cos nosos votos non imos branquear a quen desapareceu durante a pandemia” en referencia a Feijoo