Hoxe é Martes 1 de Abril de 2025

A Estación

Magazine diario que chega ós oíntes todos os días de luns a venres en horario de 11:00 horas a 13:00 horas da mañá e que se reemite en horario nocturno, dende as 24:00 as 02:00 horas.

Programa de temática variada, con contidos basicamente informativos, está centrado na actualidade de Redondela e a súa contorna máis inmediata (referencias á comarca que engloba tamén os concellos de Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos).

Nas súas dúas horas de duración diarias preténdese dar cabida a todos os sectores da sociedade, dende colectivos sociais e veciñais, culturais ou políticos.

O programa é conducido por Mª Jesús Queimaliños Casás, quen se encarga de conducir as dúas horas de emisión en directo, elabora a información local e se responsabiliza da procura e realización de entrevistas a distintos personaxes da actualidade.

Ana Prieto é a responsable da información xeral mentres que Lorena Otero se encarga do informativo da tarde ademais de ser a encargada de conducir diversas seccións como os espazos “10 anos atrás” e “Outro mundo posible”

No programa sempre se dedica unha parte importante do mesmo ás noticias locais e comarcais, con cortes de voz dos protagonistas das mencionadas noticias, con referencias tamén a toda a actualidade de Galicia, e a aqueles apuntes máis destacados da crónica estatal e internacional. Dedicamos ademais un espazo específico á actualidade deportiva no que se fai un seguimento sobre todo dos equipos locais (os venres adiantando os partidos do fin de semana e os luns recollendo a crónica do que foron os encontro e os seus resultados). Botamos unha ollada tamén a actualidade do Celta por tratarse dun equipo con moitos afeccionados no ámbito local.

Como radio de servizos que é non deixamos de lado outras referencias que interesan como a predicción meteorolóxica e outras seccións de interese, como os números premiados nos sorteos da lotería, ONCE, Primitiva.

Unha parte importante do programa céntrase en dar cabida aos protagonistas da información que de xeito diario se achegan aos micrófonos da Radio Municipal para falarnos das súas preocupacións, iniciativas ou denuncias. Amais das entrevistas de actualidade, inserimos ademais outras seccións como:

Axenda cultural, onde facemos un percorrido diario por todas as convocatorias para o tempo de ocio en Redondela e comarca (concertos, exposicións, cursos, conferencias, teatro, cine…). Un espacio que remata sempre cunha proposta musical e que serve tamén para dar cabida a grupos que non sempre a teñen no panorama radiofónico.

Receitas de Cociña: Martes e xoves facemos un pequeno oco no programa para achegarnos aos fogóns. Receitas que os oíntes poden trasladar á súa mesa e que adoitan seleccionar para que estean ao alcance de grandes cociñeiros pero tamén daqueles que comezan e que se achegan por primeira vez á cociña.

A Estación inclúe tamén espazos que se realizan gracias á incansable colaboración de Mª Elena Becerra, Eva G. Rei, Manuel Alvarez Moreira, Rosana Prieto ou Rosana Alonso. Eles son os encargados de preparar e dirixir as diversas sección que non acompañan ao longo da semana e que abordan temas de diferente índole

“10 anos atrás”. Lorena Otero é a encargada de mergullarse semanalmente nos xornais e botar unha ollada ás informacións que eran noticia precisamente 10 anos atrás. Lembramos aqueles feitos que hai unha década copaban as páxinas dos xornais centrándonos principalmente nas novas que tiñan como epicentro a nosa comarca. Unha lembranza tamén sonora xa que nos detemos na música que máis se escoitaba no momento nas radios ou pistas de baile.

Literatura: Os membros do club de lectura da Biblioteca Municipal Valle Inclán de Redondela e a Axencia de Chapela pasan semanalmente polos micrófonos da radio. Os rapaces e rapazas que forman parte do club recomendan os seus libros preferidos, analizan as últimas lecturas e critican obra orientadas normalmente a un público infantil e xuvenil

Audios do programa á carta

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: