O Concello de Redondela pon a disposición dos afectados polo proxecto de reposicións de viais da AP-9 os servizos dunha empresa que se encargará de asesorar á veciñanza e tramitar as posibles alegacións que queiran presentar de xeito individual. As reunións terán lugar mañá venres, día 7 de agosto, e o martes día 11, en horario de 16:30 a 19:30 horas no multiúsos de Chapela.
Por outra banda o goberno local anunciou xa a súa intención de chamar individualmente á veciñanza afectada “para que ninguén quede atrás e todas e todos teñan a oportunidade de presentar alegacións ou solicitar información sobre o proxecto”. Pola súa banda, tanto a Asociación de Veciños de Chapela como a Plataforma de Afectados pola AP-9 anunciaron xa que presentarán alegacións a este proxecto, por considerar que as reposicións propostas por Audasa, logo das obras de ampliación da autoestrada, son insuficientes.