A concelleira de Participación Cidadá, Susana Couñago, saiu ao paso das críticas do grupo municipal do PP, que cualifica a consulta sobre os festivos locais e a peonalización das rúas como “ilegal”. A edil explica que non se trata dunha enquisa vinculante, pero que “si se en conta por parte dos partidos políticos a opinión da veciñanza”.
A denuncia da voceira popular, Carmen Amoedo, sinala que unha consulta popular debe seguir uns trámites legais que etablece a Lei de Administración Local de Galicia e que o goberno local de Redondela “non cumple”. Couñago advirte que esta crítica dos populares non ten sentido, “xa que a consulta só sería ilegal se fora vinculante, pero non o é”. A concelleira de Participación Cidadá explica que o obxectivo do goberno local é recoller a opinión da veciñanza, e que despois os grupos políticos poderán valorala. A consulta pregunta sobre cales deberían ser os festivos locais de cara ao vindeiro ano 2021, e sobre a peonalización das rúas Alfonso XII e Ribeira nas fins de semanas. En canto aos festivos os participantes deberán elixir dúas datas entre catro opcións posibles: o Luns do Cristo (12 de abril), o Martes de Entroido (16 de febreiro), o Xoves da Coca (3 de xuño) e o día de San Xoán (24 de xuño), e mesmo poden propoñer datas alternativas a estas catro propostas. Neste sentido Couñago advirte que se están a recibir enquisas fotocopiadas onde xa están previamente sinalados os festivos elexidos. Sinala que son formularios válidos, xa que contan coa firma dos veciños, pero lembra que todos os cidadáns teñen dereito “a elexir libremente os días que prefiren”.
Para participar compre ter máis de 16 anos e ser veciño de Redondela. A consulta pode responderse online na páxina web do concello ou ben cubrindo un modelo físico que se pode recoller nos centros culturais de cada parroquia ou no rexistro municipal, lugar no que deberá ser entregado unha vez cuberto. O prazo remata o 15 de agosto.