Suspendidas as regatas de Perillo e Mera polas restricións da Xunta na comarca coruñesa polo coronavirus. Por mor dos gromos na área sanitaria a norma prohibe participar a máis de dez remeiros nunha traiñeira de forma simultánea. O C.R. Cesantes, da LGT-B, e o C.R. Chapela, da mesma liga e tamén con barco feminino, quedaron sen regatas esta fin de semana.
Tras horas de interpretación da orde publicada no DOG sobre as restricións na comarca coruñesa polo avance da Covid-19, finalmente a liga Galega de Traiñeiras anunciou a suspensión de tres das regatas previstas para esta pasada fin de semana: en Perillo a bandeira da liga B, na que compiten Cesantes e Chapela, e a feminina, na que militan as de Arealonga, e tamén a da LGT-A que debería celebrarse en Mera. Desde a liga explican que a decisión se toma tras consultar á Secretaría Xeral para o Deporte, xa que para a celebración de actividades deportivas estableceuse que non poden participar máis de dez deportistas de forma simultánea, a excepción de que se poida garantir “a non interrelación de cada grupo de dez”. No caso de embarcacións, “non máis de dez deportistas por embarcación” o que fai imposible as regatas de traiñeiras, que contan con 12 tripulantes máis o patrón. O presidente do organismo, Javier Rodríguez, explicou que agora estudarán cos clubs afectados e o resto das entidades que forman parte da competición posibles solucións como buscar algunha data alternativa ou outro punto onde poder celebrar as bandeiras suspendidas.