Este verán hai polémica en Redondela pola acumulación de algas secas nas praias. A concellería de Medio Ambiente decidiu reducir a súa retirada para evitar a perda de area. Pero aos veciños e usuarios non lles convence esta expliación, e denuncian a “mala imaxe” dos areais e os cheiros que ocasionan as algas. Asociacións como Ecoloxistas en Acción aplauden a medida, mentres os grupos políticos da oposición esixen máis limpeza nas praias.
Os areais de Cesantes e de Arealonga son dous dos lugares de maior afluencia do municipio nos meses de verán, tanto para os veciños como para os visitantes que se achegan a Redondela. O seu estado, nesta época estival, non é o mellor segundo manifestan os seus usuarios. Amosan as súas queixas porque non hai limpeza e pola falta de retirada de algas. Afirman que as algas secas acumuladas na area provocan “unha mala imaxe e xeran malos cheiros”. O concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, insiste en que a decisión de reducir a retirada de algas está avalada por estudos científicos da Universidade de Vigo, que recomendan que non se retiren do litoral. Un modelo que aplauden agrupacións como “Ecoloxistas en Acción”, que coñeceu de primeira man as actuacións que se están a realizar nos areais. A bióloga mariña que formou parte da visita apoiou esta xesión, “respetuosa co medio”, e lembrou que as praias “non son espacios artificiais, senón naturais”. Explica que as algas teñen un ciclo ecolóxico natural, cun proceso de descomposición “que achega nutrintes á praia e evita a erosión”. Advirte que se se priva ás praias desas algas os areais convértense “en espazos mortos, desérticos”.
A explicación non convence aos grupos políticos da oposición. O BNG demanda ao goberno local “que cambie o sistema de limpeza das praias”, xa que a xestión actual “vai contra o dereito da veciñanza a desfrutar de espazos públicos de calidade”. O edil nacionalista Xoán Carlos González sinala que, malia que comparte o respeto medioambiental e a preservación dos areais, é necesario manter a limpeza das praias por medios manuais, e non mecánicos “fomentando un maior respeto polo entorno natural”. Tamén desde Podemos Redondela denuncian a falta de limpeza nos areais, e demandan a contratación de máis persoal para esta tarefa, e que os veciños poidan gozar das praias de Cesantes e Arealonga “o que queda de verán”.