Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Concello traslada a Educación a preocupación das familias sobre o inicio do curso escolar

RR_Noticias

A alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros reuníronse en Pontevedra co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares. As responsables municipais trasladáronlle as “serias dúbidas” que presenta o protocolo da Xunta de Galicia, como facer “burbullas” de 25 alumnos que só teñan contacto entre eles. Rivas e García advirten tamén do gasto que suporá para os Concellos facer tres desinfeccións diarias en cada centro.

Trasladar a enorme preocupación tanto das familias de Redondela coma das ANPAS ante o inicio dun curso escolar cun protocolo que presenta serias dúbidas, foi un dos obxectivos da reunión que mantiveron en Pontevedra a alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares. A Xunta “non prevé ningún tipo de flexibilización sobre as medidas xa anunciadas que son postas en entredito por toda a comunidade escolar”, apuntou a alcaldesa Digna Rivas. Así, tal e como se lles explicou, a Consellería optar por facer “burbullas de 25 nenos e nenas que só teñan contacto entre eles pero con ninguén máis do centro escolar e sempre tentando manter a distancia de seguridade”, explica a concelleira Olga García. A mesma medida de non “mesturar” alumnos de diversos grupos, tamén sería aplicable ao comedor escolar e zonas comúns. No que ás actividades extraescolares fai referencia, “realizaranse aquelas actividade de grupo na que non haxa contacto directo entre o alumnado e priorizando as realizadas de modo telemático”. A Xunta de Galicia si contempla, como lle adiantou López Ares ás representantes municipais “partidas específicas para os centros escolares destinadas a afrontar a COVID-19”. En cambio, non se considera unha liña de axudas para os Concellos, que se verán obrigados a realizar tres desinfeccións diarias nos centros escolares cando, antes da pandemia, facíase unha. Esta medida, explica Rivas, “supón un enorme esforzo económico xa que o custo anual de limpeza de centros escolares triplícase”. En todo caso, o Concello de Redondela solicitou unha reunión “urxente” coa conselleira de Educación, Carmen Pomar, para tratar estes temas “que espertan unha enorme preocupación entre a veciñanza porque se está a falar da saúde e seguridade dos nosos nenos e nenas”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará