O concello de Redondela vén de inaugurar un panel dedicado a Pier Maria Baldi na Alameda Castelao. Reproduce unha acuarela realizada en 1669, na que Pier Maria Baldi retrata a vista da vila nese momento. Na imaxe distínguense algunhas construcións e elementos como o campanario da Igrexa de Santiago.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, inauguraron o panel dedicado a Pier Maria Baldi. Situado na Alameda de Castelao, o panel reproduce a acuarela que Baldi debuxou en 1669 ao seu paso por Redondela e, por tanto, retrata a imaxe da vila séculos atrás. Na imaxe distínguense algunhas construcións e elementos como o campanario da Igrexa de Santiago, e os veciños poderán comprobar os cambios acaecidos no urbanismo local ao longo dos séculos. A reprodución da acuarela fíxose grazas á colaboración da Biblioteca “Medicea Laurenziana” de Florencia, e á iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela. Este panel completa a publicación no ano 2019, a cargo do Concello de Redondela, do libro de Manuel Puga dedicado ao paso de Baldi por Galicia e, en concreto, por Redondela. Rivas indicou que se facilitará o reparto de exemplares desta obra “que tiñamos pensado distribuir durante o pasado curso escolar no contexto dunhas charlas nos institutos”. A alcaldesa animou aos veciños “a dedicarlle uns minutos a este panel para coñecer o pasado da vila”.