Luciano Otero, voceiro da Agrupación de Electores Alternativa Veciñal, denuncia que o Concello de Pazos de Borbén vén de perder 600.000 euros dunha subvención dos fondos FEDER para a renovación do alumeado público do municipio por non tela xestionado a tempo. Desde o Concello desmínteno, e afirman que a mellora na rede municipal de alumeado xa se está levando a cabo “con mellores condicións de financiamento para as arcas públicas”.
Desde AV explica que o IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético) concedéralle a finais de 2018 unha subvención de 609.474,40 € ao Concello de Pazos de Borbén para substituír as vellas lámpadas por tecnoloxía LED, outorgándolle o prazo dun ano para formalizar a contratación das obras incluídas no proxecto. Segundo Otero, a poucos días de esgotarse este prazo o goberno de Andrés Iglesias comunicoulle ao IDAE a renuncia a parte das obras, co que a subvención se reducía ao 50%, “pero non acreditou ter feito as contratacións”, polo que se pode revogar a subvención outorgada, xa que o Concello pediu unha ampliación do prazo “fóra de tempo”. O voceiro de AV lamenta “a parálise e falta de xestión do goberno local”, que levou a perder unha subvención que supón “o 30% do orzamento anual do Concello”. Luciano Otero sinala ademais que nesta ocasión as consecuencias son “especialmente graves”, xa que coa subvención pérdese “o aforro que se ía obter na factura eléctrica dunha instalación obsoleta que podería substituirse por unha nova e moderna”.
O Concello de Pazos de Borbén negar ter perido “ningunha subvención” para o alumeado público, e explica que a mellora na rede municipal “xa se está levando a cabo con mellores condicións de financiamento para as arcas públicas”. O alcalde, Andrés Iglesias, afirma que “non se perdeu ningunha subvención, senón que se renunciou a ela porque a mellora está a levarse a cabo con subvencións máis beneficiosas para o Concello que as que establecía o IDAE”. Segundo Iglesias as condicións da subvención do IDAE “establecían un financiamento do 80% sobre o custo total da renovación completa da iluminación pública”. Agora “grazas ás indicacións dos técnicos municipais, estamos a facelo por partes acolléndonos a plans doutros organismos que nos financian o 90%”, indicou Iglesias. Desta maneira, o alcalde destacou que a renovación da rede de iluminación pública xa se está realizando con tecnoloxía LED e de forma progresiva. Instalouse xa na parroquia de Moscoso, agora no barrio de Mosteiro e proximamente en máis lugares.