A presenza deste animal no interior da ría é algo completamente excepcional segundo explica o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar. Todo apunta a que se trata dun golfiño común que está desorientado ou débil, polo que busca augas doces para se recuperar. Logo de ser avistado en Arcade e na praia de Cesantes en días anteriores, onte permaneceu toda a tarde nadando nas desembocadura do Alvedosa, nas proximidades da depuradora. O Cemma xa lle está realizando un seguimento e recoméndase aos veciños que eviten as aglomeracións ou crear balbordo ao seu arredor, xa que iso podería asustalo.
Non é un arroaz, senón un golfiño, o que supón un feito excepcional xa que esta especie non adoita adentrarse na ría. Logo de que o martes un palista tivera que desvaralo na praia de Cesantes onte o animal reaparecía primeiro na zona de Punta Socorro e posteriormente xa no centro da vila, no tramo final do Alvedosa.
O concelleiro Roberto Villar explica que “non é normal a presenza deste animal na ría” polo que se puxeron en contacto co Cemma, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños que xa lle está a realizar un seguimento. “Créese que estes animais cando están débiles buscan auga doce para se recuperar, polo que ante todo se recomenda aos veciños que o deixen tranquilo, que non se aglomeren no lugar no que se produza o avistamento e que non berren nin fagan ruído, porque iso podería asustalo e desorientalo aínda máis”.