A localidade de Meira, en Moaña, acolle esta fin de semana o Campionato de España de Bateis. E Redondela contará cunha ampla representación, xa que na cita participan cinco bateis do Club de Remo Chapela. Será nas categorías cadete, xuvenil e sénior feminina e nas de infantil e xuvenil masculina. No club afirman que están “en moi boa forma” e que pelexarán polas medallas.
Logo de disputar un exitoso Campionato Territorial, e facerse con dous títulos no Campionato de Galicia da pasada fin de semana, no club de Chapela chegan ao fin de temporada “moi satisfeitos dos resultados”. O presidente, Julio Prado, salienta epecialmente as clasificacións dos barcos femininos que lle están a dar “moitas alegrías”.
Ás prazas gañadas polo club de Chapela no campionato autonómico, e que lle daban xa o billete para a proba estatal, súmase tamén a participación dos equipos cadete feminino e xuvenil masculino debido ás renuncias dos clubs doutras comunidades autónomas. Deste xeito son un total de cinco bateis do club “berete” os que participen no LXXVII Campionato de España de Bateis. Será esta fin de semana, os días 3 e 4 de outubro na localidade de Meira, en Moaña. O C.R. Chapela confía en facer “un bo papel”. Prado asegura que os deportistas están “en moi boa forma” e que competirán polas medallas.
O equipo benefíciase de que sexa Samertolameu o club organizador da proba estatal, xa que a curto desprazamento a Meira e as características do seu campo de regatas “son unha garantía para poder competir nas mellores condicións”. Agardan tamén que a presencia de público anime e arroupe aos deportistas. Clubs e Federación seguen todos os protocolos de distanciamente e hixiene para garantir a seguridade tanto dos remeiros como do público asistente, e Prado confía en vivir unha fin de semana “de festa e remo” en Moaña.
A distancia a percorrer na regata vai desde os 1.000 metros na categoría infantil aos 2.000 da xuvenil e absoluta. As probas comezan o sábado ás 16.00 horas, e as finais dispútanse o domingo a partires das 10.00.