Digna Rivas afirma que o Goberno local “non ten máis prioridade que a defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Redondela” e anuncia a súa intención de recorrer á vía xudicial logo do fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que, de executarse, os privaría de poder utilizar a PassVigo e gozar das vantaxes no transporte urbano que proporciona esta tarxeta.
A alcaldesa Digna Rivas adiantou que o Concello recorrerá a sentencia e presentará un Recurso de Casación ante o Tribunal Supremo. Lembra en todo caso, que a sentenza do TSXG so é executable se así o solicita o Concello de Vigo e que a Lei prevé que o Tribunal poida denegala no caso de que considerase que a súa inmediata execución poida causa prexuízos de difícil reparación nesta situación transitoria.
O Goberno local aproveita para criticar a postura do PP neste asunto xa que “foron eles os que provocaron a situación que estamos a vivir”. Asegura Rivas que o exalcalde, Javier Bas, “lexitimizado polo Pleno da Corporación para defender os intereses do concello na Área Metropolitana, preferiu na sesión constitutiva do 1 decembro de 2016 seguir os ditados de Feijóo e Rueda e abandonar o pleno incumprindo, polo tanto, o mandato que a cidadanía lle outorgara para que defendera os seus intereses e deixando a Redondela fora a Área Metropolitana”.
A alcaldesa reitera que “ao contrario que eles, nós tan só nos debemos aos nosos veciños e veciñas e, polo tanto, a solución dos seus problemas é a nosa única prioridade”. Nese sentido, Digna Rivas, insistiu en que o seu Goberno “utilizará todos os medios e vías legais ao seu alcance na defensa dos dereitos da veciñanza”.