A inclusión nos orzamentos do Estado dunha partida de 1,53 millóns de euros para financiar a bonificación da peaxe entre Vigo e Redondela supón dar resposta a unha demanda longamente reivindicada por colectivos como a Asociación de Veciños de Chapela. Aplauden o anuncio da eliminación da peaxe pero con reservas “aínda hai quedan trámites pendentes para que esa gratuidade sexa unha realidade”.
“Hai que aprobar os orzamentos e facer o Real Decreto, polo que estamos pendentes de que eses trámites se fagan, en todo caso calquera avance neste sentido imos aplaudilo” explica o presidente da Asociación de Veciños de Chapela, Marcial Pérez.
Unha prudencia á hora de valorar esta información que é froito da experiencia “foron varias veces as que nos prometeron a retirada desa peaxe e logo todo quedou en promesas”.
Insiste con todo en que “na parroquia aínda quedan moitas reivindicacións pendentes como a reposición de servizos afectados pola ampliación da autoestrada ou a creación dunha entrada e saída na zona de Torres de Padín”. Non descartan seguir con mobilizacións como xa fixeran anteriormente.