Unhas horas negras as que están a vivir en xeral os hostaleiros de Redondela logo do anuncio da Xunta de que terán que pechar as súas portas durante un mes a partir da madrugada do sábado. A situación aínda ía a peor no caso dos locais Casa Chano e o Repouso, que na madrugada de hoxe viron como entraban a roubar nos seus locais. Raquel Cabaleiro, de Casa Chano atopou aos ladróns dentro do seu establecemento logo de recibir o aviso da central de alarmar. Malia que lograron escapar confía en que as imaxes gravadas nas cámaras de seguridade sirvan para localizar aos delincuentes. Previamente os mesmo individuos entraran no bar da Confrarían de onde se terían levado cartos en metálico da caixa.
“O susto foi moi grande” explica Raquel Cabaleiro, quen se achegou ao seu establecemento logo de que saltaran as alarmas. Atopou aos ladróns dentro “pero lograron escapar antes de que chegara a Policía”. A parte positiva é que non lles deu tempo a roubar nada “forzaron a porta de entrada, pero marcharon coas mans baleiras, temos as gravacións das cámaras de seguridade e confiamos en que poidan ser localizados”.
Un suceso que chegaba logo dunha xornada negra, na que recibiron con pesar o anuncio da Xunta que establece o peche da hostalaría a partir do sábado “cando estabamos a repuntar logo do confinamento de marzo e tras aplicar todas as medidas sanitarias correspondentes agora vemos como nos dan este pau que complica e moito a nosa supervivencia”.
Unha medida que Cabaleiro entende que non ten razón de ser e insiste nas consecuencias negativas que vai ter no emprego “no noso caso, que imos seguir traballando porque serviremos almorzos e comidas para levar, dos cinco traballadores actuais pasaremos a tan só dous, mantemos a cociña aberta pero os camareiros van para casa”.
Unha situación que se repite en todo o sector que confía en que haxa axudas dende as administracións para non ter que pechar definitivamente porque insisten en que eles non son os culpables da pandemia e que, malia acatar as restrición con resignación necesitan axudas para resistir.