Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela aproba a permuta do edificio de Correos a cambio da parcela do antigo colexio Igrexa

edificio correos

A parcela destinarase a uso dotacional e prevese a construción dun inmoble multiusos para dar servizo aos colectivos e veciños da parroquia así como ás oficinas de Servicios Sociais.

O goberno local (PSOE-AER) e máis os concelleiros do BNG votaron a favor da permuta con Audasa por entender que o intercambio favorece ao concello xa que, malia estar valorado en 111.000 euros, o antigo edificio de correos está afectado pola ampliación da AP-9 e está prevista a súa demolición para o ensanchamento do Camiño da Igrexa. Os populares votaron en contra porque segundo explicou a súa voceira, Carmen Amoedo, “o que vai facer este goberno é regalar a Audasa un edificio cando se debería ter negociado para que a concesionaria da autoestrada pagara o prezo real do inmoble”.

Entenden os populares que a parcela do antigo colexio, que se permuta a través deste convenio, non é equiparable ao prezo do edificio que se atopa na Estrada da Igrexa e que actualmente alberga os locais da Asociación de Veciños, a Comunidade de Montes e do Colectivo de afectados pola A-9. Neste sentido acusan á alcaldesa de “falta de transparencia en todo o que ten que ver con este convenio, do que non informaron aos veciños, e de falta de capacidade para negociar un prezo xusto con Audasa a quen lles van regalar un edificio valorado en máis de cen mil euros”. Insisten en que o valor do solar que a cambio vai recibir o concello non é equiparable, xa que se atopa afectado por autoestradas e o seu uso dotacional está condicionado á construción de futuros edificios.

Carmen Amoedo, PP

Diferente é a interpretación que fan o resto dos grupos da corporación. Tanto o goberno –PSOE/AER- como o BNG defenden unha permuta que “vai beneficiar á cidadanía de Redondela” xa que en base a este convenio pasará a ser titular da parcela que está previsto destinar a uso dotacional.

O nacionalista Xoán Carlos González criticaba a postura do PP “quen no seu día insistiron para que Audasa quedara co edificio de correos que agora tanto defenden”.

Xoán Carlos González, BNG

No mesmo sentido se manifestaba dende AER, Roberto Villar, quen engadía que se valorará coa veciñanza os usos aos que se destinarán os terreos do colexio que pasan agora a mans do concello.

Roberto Villar, AER

Máis belixerante era a voceira do PSOE, María Castro quen acusaba ao PP “dunha falta de ética inaceptable, poñen os seus intereses por diante dos de Chapela”. Insistía en que non se lle está regalando nada a Audasa, que o edifico de correos vai ser expropiado pola necesidade de acondicionar o vial e que recuperar a parcela do antigo colexio, pola que Audasa tería pagado 4 millóns de euros, suporíalle un custe ao concello de non asinarse este convenio. Cartos que se aforran con esta permuta.

María Castro, PSOE
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará