Esta medida tenta paliar os efectos do peche decretado pola Xunta, e poden beneficiarse tamén os establecementos abertos para recollida e con reparto de comida a domicilio. Para a concesión destas axudas o goberno local optou pur un procedemento de tramitación “máis áxil” co fin de que poidan chegar “canto antes” aos negocios.
O Concello de Redondela vén de anunciar a concesión de axudas directas á hostalaría. A iniciativa tenta paliar a complicada situación pola que está a pasar o sector debido ao último peche, dun mes de duración, decretado pola Xunta de Galicia para frear a expansión da COVID-19. As axudas, tal e como sinalou a concelleira de Comercio, María Castro, están dirixidas a establecementos de restauración, restaurantes, salóns de banquetes, cafetarías, bares, salas de festas, discotecas, pubs, salas de concertos e cafés-espectáculo radicados no termo municipal de Redondela. O importe desta liña de axudas directas será de un máximo de 300 euros, e serán compatibles cos establecementos que permanezan abertos para a recollida e reparto de comida a domicilio. Para máis información ao respecto, os interesados poden consultar o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 1 de decembro, ou poñerse en contacto do Departamento de Desenvolvemento Local no teléfono 986 402 664.
Esta medida forma parte dun paquete de iniciativas que o Goberno local deu a coñecer aos representantes da hostalaría nunha reunión co sector na que participaron a alcaldesa Digna Rivas, o concelleiro de Turismo, Daniel Boullosa e a concelleira de Comercio, María Castro. Outras accións postas en marcha para axudar ao sector son a derogación de taxas sobre as terrazas para todo o ano 2021 e a devolución do importe da taxa de recollida de lixo sobre o tempo que estiveron pechados. Rivas sinalou que que estas axudas permitirán “diminuír o impacto que o peche pola COVID tivo sobre este sector e, ao mesmo tempo, permitiralle tamén acortar o proceso de recuperación unha vez que se permita a reapertura dos establecementos”.